Sunday 05 de May de 2024

Aprobados definitivamente os orzamentos do Concello de Frades para 2017, que superan os 2 millóns de euros e medran un 11%


O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a aprobación definitiva dos Orzamentos Municipais do Concello de Frades para 2017, aprobados inicialmente polo pleno municipal o pasado 19 de decembro. Unhas contas que recollen un superávit inicial de 133.401,54 euros, xa que as previsións de ingresos ascenden a 2.181.445,71 euros e as dos gastos ascenden a 2.048.044,17 euros, e que entrarán en vigor logo de que non se teña rexistrada alegación algunha durante o prazo de exposición pública.

No capítulo de gastos, os orzamentos do Concello de Frades ascenden a 2.048.044,17 euros no capítulo de gastos (un 11% máis ca en 2016). Neste apartado destaca o incremento dos investimentos reais, partida que medra un 13% ata os 578.184,08 euros. Tamén medra nun 14% as achegas a bens correntes e servizos, que pasa dos 811.293 euros de 2016 aos 925.474,12 euros para 2017. Uns cartos aos que hai que engadir os 126.000 euros en transferencias correntes, o que permite aumentar as achegas en materia de servizos sociais.

Pola contra, os gastos en persoal sitúanse en 417.385,97 euros, o que representa o 20% dos Orzamentos, unha das porcentaxes máis baixas de Galicia. Unhas contas que, ademais de rexírense polos principios de equilibrio e estabilidade orzamentaria, deixan a débeda bancaria de Frades en cero.

En canto ao capítulo de ingresos, ascenden a 2.181.445,71 euros, un 18% máis ca en 2016. Un aumento xustificado, sobre todo, no incremento rexistrado polo IBI tras a regularización catastral feita pola Dirección Xeral do Catastro e a pesar da bonificación do 95% para granxas establecido polo Concello de Frades, que deixará de ingresar 19.698,95 euros por este concepto.

A maior parte dos ingresos proceden de transferencias correntes (1.165.618,71 euros) e por impostos directos (599.152,11). A recadación por taxas ascenderá a 140.000 euros, mentres que as transferencias de capital serán de 231.174,89 euros.